Notas do lanzamento da versión 1.10 de A batalla por Wesnoth

Xaneiro do 2012. Toca de novo darvos esa emocionante nova pola que tanto tempo levades agardando: o principio dun novo ciclo de versións estábeis. Sentímonos orgullosos de presentarvos a versión 1.10 de A batalla por Wesnoth, un xogo de estratexia por roldas libre e de código aberto ambientado nun mundo fantástico con elementos de rol. O xogo está dispoñible para Microsoft Windows, Mac OS X e varias distribucións GNU/Linux.


Novidades da versión 1.10

Captura de pantalla de A batalla por Wesnoth.

Para os usuarios

Grazas aos proxectos do Google Summer of Code durante os anos 2010 e 2011, incluíuse un sistema de planificación, co que se poden visualizar os recrutamentos, movementos, ataques e demais antes de levalos a cabo. Mesmo se poden coordinar plans nas partidas de varios xogadores!

Os campos de batalla son agora moito máis fermosos, tras o engadido de novos tipos de terreo, e maila revisión e actualización doutros moitos, incluíndo volcáns, auga animada, novos adornos, e cambio completo dos diferentes tipos de herba.

Moitas unidades, entre elas as dos saurios, recibiron novas animacións, especialmente aquelas para cando as unidades non están a facer nada. Estas animacións, xunto coas novas animacións da auga, axudarán a darlle máis vida ao campo de batalla.

A póla 1.10 inclúe ademais unha revisión completa do vello tema musical «Northerners» (Nórdicos), así como dous novos temas: «Battle Epic» (Batalla épica) e «Silvan Sanctuary» (O santuario de Silván).

Campañas

Incluíuse unha nova campaña, Augas Mortas; nela, o xogador ponse na pel dun mozo sirénido herdeiro ao trono do seu reino, que debe enfrontarse a unha invasión de non mortos e salvar ao seu pobo. Augas Mortas pasou un tempo no proxecto Wesnoth-UMC-Dev, onde se estivo adaptando e preparando para poder aspirar a ese status de oficial, tal e como ocorrera con As memorias de Delfador.

A meirande parte das campañas recibiron algún tipo de actualización ou mellora, grande ou pequena. Por exemplo, o guión de Un conto sobre dous irmáns reescribiuse, e moitos dos escenarios de A lenda de Wesmere revisáronse para dinamizalos e mellorar o seu funcionamento.

Varios xogadores

Engadíronse unha morea de mapas para varios xogadores: Édermo, A cidadela de Arcanclave, A fortaleza das mil cadeas e O volcán. Os outros mapas equilibráronse e actualizáronse —por exemplo, con novos tipos de terreos—.

Xeral

Captura de pantalla de A batalla por Wesnoth.
Captura de pantalla de A batalla por Wesnoth.

Ademais dos novos retratos para Unha incursión de orcos, O descenso á escuridade, O Cetro de Lume, O nacemento de Wesnoth e A garda do sur, engadíronse retraros xenéricos, entre eles retratos para aa meirande parte dos draconiáns e das unidades esqueléticas dos non mortos. Cada vez estamos máis preto de acadar o noso obxectivo de que todo o xogo goce de imaxes de alta calidade.

Agora o sistema de iluminación pode afectar de xeito distinto a diferentes zonas dos mapas, permitindo así mellorar a representación de mapas que contan tanto con partes ao aire libre como con partes cubertas (coma covas).

Para axudar aos xogadores a identificar facilmente ás unidades ralentizadas, agora tínguense dunha cor azul clara.

A interface recibiu diversos cambios. Por exemplo, agora poden eliminarse varios complementos dunha vez. Tamén se realizaron melloras considerábeis no que respecta aos tipos de letra e á consistencia gráfica de todo o xogo. Outro dos cambios que cómpre mencionar é a modificación da barra lateral, agora cun maior atractivo visual e máis lexíbel.

Comezou a tradución do xogo a dúas novas linguas: o irlandés e o inglés antigo. Sobre a tradución ao galego, o núcleo do xogo revisouse completamente, quedando só algunhas campañas oficiais por revisar e completar antes de empezar a traballar na tradución de campañas da comunidade. A tradución irá progresando con cada nova versión desta póla 1.10.

Para os desenvolvedores de contidos

Captura de pantalla de A batalla por Wesnoth.

A póla 1.10 trae consigo moitas novas funcionalidades para os desenvolvedores de contidos, como poden ser as variábeis persistentes, coas que os autores de complementos poderán gardar información nos directorios de datos dos xogadores para que a poidan consultar outros desenvolvedores de complementos ou se empreguen en futuros encontros.

As capacidades do xogo para coa linguaxe Lua reforzáronse considerabelmente, grazas ao cal os desenvolvedores de contidos poderán facer moito máis que na anterior póla estábel. De feito, un dos nosos proxectos do Google Summer of Code consistiu en melloras as capacidades de Lua relativas á intelixencia artificial.

A paleta de terreos incrementouse amplamente, recibindo tanto novos terreos fundamentais como novas estruturas e elementos de decoración, o que permitirá aos autores dotar de máis vida e variedade aos seus mapas.

Grazas a un dos proxectos do Google Summer of Code, que desenvolveu durante os anos 2010 e 2011, dispoñemos agora dun complemento de Wesnoth para Eclipse, que engade a Eclipse todo o necesario para traballar comodamente coa linguaxe WML, con salientado da sintaxe, completado automático, e máis. O complemento inclúe ata interfaces para ferramentas de mantemento tales coma wmllint e wmlindent, así como a posibilidade de iniciar o xogo ou o editor de escenarios directamente nun escenario ou mapa concreto.

Realizouse unha nova serie de iconas de obxectos, debuxadas co mesmo estilo que as iconas de ataques, para que poidan usalas os autores de mapas. Entre os obxectos inclúense pocións, cordas, armaduras, e xoias.

Grazas ás revisións do código responsábel da etiqueta WML [language], agora é posíbel traducir o texto dos ataques personalizados.

Descarga

A batalla por Wesnoth publícase baixo a Licenza Pública Xeral de GNU (GPL). O código fonte está dispoñible no sitio web wesnoth.org, onde hai ademais instrucións para compilalo nunha gran variedade de sistemas operativos. Tamén hai dispoñíbeis paquetes para os sistemas operativos máis populares, entre eles Microsoft Windows, Mac OS X e GNU/Linux.

Podes obter información actualizada sobre as descargas na páxina de descargas. Alí podes atopar tamén paquetes e instrucións para outras plataformas en canto estas estean dispoñíbeis.

Se descargaches unha versión anterior do xogo, quizais che interese descargar só os ficheiros xdelta.

Información adicional